Galician

Un dos principais obxectivos do Parque Nacional é contribuír ao fomento da investigación científica. Entón, en que medida está o Parque Nacional das Illas Atlánticas favorecendo a algunha innovación dentro do sector marítimo?

A Xunta de Galicia a través da Consellería de medio ambiente, territorio e infraestruturas no marco da conservación da biodiversidade e do patrimonio natural traballa da man de expertos de recoñecido prestixio, en colaboración coas tres universidades galegas na procura de datos e información que permita dar a coñecer os valores naturais ligados ao noso territorio, e en especial nos declarados protexidos. O parque nacional marítimo terrestre de Galicia, único parque nacional en territorio galego e un dos dous únicos marítimo terrestres da rede estatal, declarados na actualidade é o espazo galego onde se concentra o maior esforzo investigador.

Desde a Dirección xeral de conservación da natureza se apoia polo tanto a actividade investigadora en todo o parque, facilitando o traballo dos investigadores e poñendo á súa disposición toda a información da que se dispón.

Con carácter anual existe unha convocatoria regular de proxectos de investigación que convoca o Organismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN), que financia investigacións que achegan coñecementos útiles para a xestión e a conservación. A cambio deste apoio e financiamento, os investigadores achegan os resultados dos seus traballos e asesoran á dirección xeral á hora de planificar e executar distintas actuacións. Por outra banda, os traballos de investigación áchanse suxeitos a un réxime de autorizacións que garante que o seu impacto non resulte prexudicial para o medio.

Entre os proxectos relacionados co medio mariño están:

Título Investigador principal Concedido
Cambios milenarios nos ecosistemas de Parques Nacionais insulares: perturbacións, resiliencia e tendencias segundo o arquivo das fanerógamas mariñas Miguel Ángel Mateo Mínguez,  Centro de Estudios Avanzados de Blanes - CSIC 111.034,80€
Sentinelas do mar: seguimento remoto das aves mariñas aplicado á xestión adaptativa na rede de parques nacionais Jacob González-Solís Bou, Universidad de Barcelona 71.875,00€
Caracterización xenética ("metabarcoding") da biodiversidade e as súas alteracións en comunidades bentónicas dos Parques Nacionais mariños Francesc  Xavier Turón Barrera, Centro de Estudios Avanzados de Blanes - CSIC 49.565,00€
Control de Contaminantes Orgánicos Persistentes segundo Convenio de Estocolmo e mercurio en ovos de Láridos: bases de datos, series históricas e xestión ambiental Silvia Lacorte bruguera, Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua - CSIC  67.275,00€

 

Seguindo nesta liña, que proxecto, relacionado coas TIC aplicadas a dito sector, se podería destacar?

Pódense destacar os seguintes:

A. Sentinelas do mar: seguimento remoto das aves mariñas aplicado á xestión adaptativa na rede de parques nacionais. Seguimento mediante dispositivos GPS implantados a pardelas cincentas para coñecer os seus movementos e áreas de pesca.

B. Seguimento das condicións meteorolóxicas e oceanográficas no Parque Nacional. Levado a cabo en colaboración con Meteogalicia. Consiste nunha rede de estacións meteorolóxicas e oceanográficas que emiten os seus datos en tempo real, e que almacenan os seus datos en bases de datos dispoñibles de forma aberta para todos os investigadores que os precisen.

C. Desenvolvemento dunha app para a detección e seguimento de especies invasoras no medio terrestre e mariño. Desenvolvida en colaboración co OAPN. Esta app será posta a disposición do publico en xeral, e permitirá, baixo o concepto de “ciencia cidadá” localizar, datar e cuantificar a presenza de especies de flora e fauna invasora no Parque.

No tocante á investigación, en que temáticas considera que se debería incidir máis, é dicir, que necesidades do sector estarían aínda sen cubrir por tecnoloxías concretas?

A resposta é complicada dado que desde o departamento que dirixo nos centramos fundamentalmente en materia de protección e conservación da natureza en xeral, apoiando calquera iniciativa investigadora que incida neste aspecto. Neste punto, é importantísimo establecer que impacto real provoca a xestión do uso público, máis tratándose dun parque nacional, que debe ser de forma obrigada un espazo para a investigación pero tamén para a dar a coñecer esta información ao público en xeral, cos seus consecuentes impactos. A importancia da explotación de recursos sobre determinadas especies é un asunto capital.

Dito isto, é máis complicado establecer se as necesidades en materia de investigación, que son importantes, están ou non cubertas por tecnoloxías concretas.

Por citar algunhas:

- Avaliación e control do impacto da pesca no estado de conservación do medio natural mediante as TIC. Posición dos barcos pesqueiros, zonas de calado de artes, seguimento das capturas, etc.

- Seguimento remoto de especies, hábitats e procesos ecolóxicos. Seguimentos remotos vía satélite e teledetección, emisores de posición, rexistradores de datos de variables ambientais en continuo,…

- Rexistro de datos e xestión da información. Dispositivos de captura de datos no campo, sistemas de almacenamento de datos que faciliten o seu acceso e a súa visualización.

Cal considera vostede que sería o potencial investigador que ten Galicia na materia? Como considera que está sendo valorado na comunidade?

De acordo coa experiencia concreta desenvolta a través do parque nacional, existe un volume importante de científicos moi ben formados, con interese na investigación no medio mariño. Aproveitado adecuadamente, este capital humano representa unha oportunidade destacada para a investigación en Galicia.

Como ve o futuro da comunidade investigadora galega nos vindeiros anos e dun xeito especial, o de aqueles que contribúen no sector marítimo?

De novo de acordo co observado no Parque Nacional, o principal factor limitante para acadar o potencial mencionado no punto anterior parecen ser os recursos económicos dedicados a financiar a actividade investigadora. Se a dotación é a suficiente, pode esperarse un futuro moi positivo.

En que medida pensa que o proxecto STAMAR pode colaborar na mellora da competitividade do sector marítimo?

Favorecendo a incorporación de novas tecnoloxías por parte das pemes de sector mariño.

Considera que en Galicia é posible dar continuidade á filosofía do proxecto STAMAR unha vez que este finalice?

Existe un amplo marxe de actuación neste sentido, pois existen aínda moitas pemes nas que a incorporación das novas tecnoloxías é baixa.

Compartir:


Related Posts