Galician

A unidade de tecnoloxías mariñas do CETMAR realiza traballos a nivel rexional, nacional e europeo en sistemas de monitorización ambiental, mariño e no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas asociadas. Polo tanto, podería achegar unha valoración do nivel de desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías TIC no sector marítimo galego?

CETMAR traballa en todas as súas áreas en iniciativas de alcance territorial moi diverso, aínda que podemos dicir que resulta especialmente salientable a súa traxectoria no plano Europeo e Internacional. A Unidade de Tecnoloxías Mariñas, efectivamente, ten entre as súas principais liñas de traballo no eido da oceanografía operacional, dende o seguimento, mantemento e calibración ata o desenvolvemento de dispositivos de monitorización ambiental no medio mariño. A aplicación das TIC neste contexto resulta esencial, tanto nos dispositivos de captura, almacenaxe e transmisión dos datos, coma no seu posterior procesamento e explotación. Podemos dicir que as TIC constitúen probablemente o caso máis paradigmático do que son as tecnoloxías transversáis facilitadoras (ou KET, como corresponde ás siglas en inglés de Key enabling technologies) e polo tanto, nos sectores mariños e marítimos teñen penetrado de forma evidente nas últimas décadas e producido avances moi importantes en todos os ámbitos de aplicación: na navegación, nas tecnoloxías pesqueiras, na predición de condicións e parámetros ambientais, no seguimento e ordenación dos diferentes usos do medio mariño e actividades que se desenvolven no mar, na prevención e posibilidades de resposta ante episodios de contaminación e fronte a accidentes, etc. Se ben isto é así tamén, obviamente, no contexto específico de Galicia, en CETMAR consideramos que as posibilidades de seguir mellorando son cada vez maiores, sempre e cando se produza e propicie unha integración axeitada do coñecemento e das capacidades nas TIC co coñecemento específico sobre o medio mariño e as actividades que nel se desenvolven. O desenvolvemento illado de solucións TIC para a súa aplicación no entorno mariño e marítimo, poucas veces ten éxito, pois o entorno mariño é especialmente complexo e un bo coñecemento do mesmo, resulta esencial para deseñar solucións realmente aplicables.

Dende o seu punto de vista, como melloraría o fluxo de comunicación entre os centros de investigación e as PEMES do sector marítimo?

Esta é unha pregunta moi aberta e non resulta doado dar unha resposta xeral. Se pensamos mellorar a comunicación como proceso, debemos de pensar en cales son os elementos que integran unha estratexia de comunicación e ir un por un, deses elementos, dos compoñentes da estratexia, identificando as posibles melloras: é preciso ter obxectivos ben definidos, identificar ben ós interlocutores, elaborar adecuadamente as mensaxes, ter moi claro o que se pretende comunicar e para qué, seleccionar mellor as canles, determinar os tempos e as frecuencias, xestionar coidadosamente a creación de expectativas, xerar confianza, xerar capacidade de resposta, etc. Todo isto que parece moi doado, non o é, precisa de ter eses compoñentes do proceso claros, estruturados, precisa recursos e tempo. En CETMAR precisamente é un dos terreos onde pensamos que podemos servir de axuda para estes procesos: coñecemos o contexto maríño e marítimo, temos unha moi ampla rede de interlocutores e colaboradores neste contexto a nivel rexional, nacional e internacional, podemos axudar a co-construir as mensaxes necesarias para os procesos de comunicación, a seleccionar os formatos e as canles axeitadas… Podemos axudar, e de feito este ten sido o noso papel en numerosos proxectos, a establecer fluxos eficaces de comunicación entre os centros de investigación e as organizacións empresariais e ou as administracións, pero tamén entre estes e moitas outras organizacións e agrupacións representativas do conxunto da sociedade, vertente esta última dos procesos de comunicación que se ten evidenciado sumamente importante. CETMAR é recoñecido en varios proxectos Europeos como unha entidade con capacidade e experiencia en fortalecer redes de colaboración, e fomentar os procesos participativos coa implicación dos interesados críticos para os proxecto de investigación e innovación no contexto mariño.

Segundo o informe anual de CETMAR, durante o ano 2014 puxéronse en marcha 114 novos proxectos de investigación e servizos. Que proxecto(s) destacaría dos levados a cabo?

Esta información non é correcta. Na memoria anual de 2014 que aparece publicada na web, dise que ao longo do exercicio se estivo a traballar nun total de 58 proxectos dos que 14 foron iniciativas novas lanzadas nese exercicio. Poden consultar esa información no enlace: http://www.cetmar.org/DOCUMENTACION/MemoriaAnual/index.html Non resulta doado seleccionar proxectos para destacar, pero en xeral, no CETMAR damos especial valor á presenza do Centro en iniciativas internacionais e europeas. Como xa levamos avanzado boa parte do exercicio 2015 podemos ofrecer información sobre algúns dos novos proxectos conseguidos nas primeiras convocatorias do programa H2020. CETMAR, ademais de manter aínda activos algúns iniciados no Sétimo Programa Cadro, está xa a participar activamente e con presenza moi destacada en dous proxectos do novo programa H2020, os proxectos COLUMBUS e PRIMEFISH. Xa que mencionabamos as capacidades de CETMAR na interacción e a participación dos chamados stakeholders, estes dous proxectos son dous bos exemplos do que o Centro pode facer neste plano. En COLUMBUS, por exemplo, as estratexias de comunicación e de relación cos interesados (stakeholders), forman parte esencial dunha grande rede europea, de 26 organizacións, orientada a promover metodoloxías e a xerar capacidades específicas para implementar en estratexias concretas de transferencia de coñecemento e resultados de investigación nos contextos mariño e marítimo. CETMAR participa na maioría dos paquetes de traballo do proxecto e lidera o paquete de traballo destinado a determinar unha metodoloxía de análise de resultados de investigación xerados en proxectos europeos nos últimos anos, para chegar a estimar o seu impacto potencial nos usuarios e utilizar esta análise para deseñar as estratexias específicas de transferencia. Por último, responsabilízase dun nodo de competencias no terreo da gobernanza e a xestión do medio mariño. O proxecto púxose en marcha no mes de marzo e esperamos que pronto poidamos comezar a compartir experiencias e resultados acadados no proceso que estamos a por en marcha.

En que medida cre que o proxecto STAMAR pode contribuír á mellora da competitividade do sector marítimo?

Todos os esforzos que se fagan na dirección de promover a aplicación de coñecemento e tecnoloxía no medio mariño, son necesarios para acadar a finalidade última de conseguir a materialización das posibilidades de crecemento e desenvolvemento que o mar ofrece, e facelo de maneira sustentable, sen comprometer as mesmas ou mellores posibilidades para o futuro. Compre insistir porén na conveniencia de que ante o xurdimento de iniciativas de promoción de tecnoloxías mariñas e marítimas na nosa comunidade (ou nas que entidades da nosa Comunidade participen), se establezan estratexias claras de traballo coordinado, integrando sempre que sexa posible aos interlocutores que operan no contexto específico mariño e marítimo dende o inicio, para evitar a dispersión de esforzos e a nunca desexable saturación do público obxectivo. Dende CETMAR agradecemos en todo caso os esforzos realizados dende STAMAR para integrar as nosas achegas en varios dos procesos do proxecto.

Cre que en Galicia se pode dar continuidade á filosofía de STAMAR unha vez remate este?

Resulta difícil de valorar esta cuestión. Seguramente sería necesario dispoñer dunha análise do impacto acadado pola iniciativa e identificar o que ten funcionado mellor e peor e as oportunidades de mellora que se xeraron. Si só falamos da filosofía, entón definitivamente, a intensificación dos esforzos en comunicación e transferencia de coñecemento e tecnoloxías no contexto mariño e marítimo é necesaria e estratéxica para a nosa Comunidade. En calquera caso, CETMAR vería de xeito moi favorable que se reforzaran as posibilidades de avance na aplicación desa filosofía cunha perspectiva de colaboración e de consideración equilibrada da traxectoria e do papel potencial das entidades que desenvolven o seu traballo de xeito especializado no medio mariño e marítimo na nosa contorna, non só de CETMAR, pero CETMAR debería de ser parte. Esta é unha entidade moi aberta a colaborar e pode actuar, e de feito actúa como entidade dinamizadora para moitos dos seus colaboradores, mais compre que para poder xogar este papel, se recoñeza e facilite en maior medida a súa labor como entidade de intermediación entre os xeradores e os usuarios do coñecemento e das tecnoloxías no contexto mariño e marítimo.

Compartir:


Related Posts