Undefined

É unha das actuacións desta iniciativa, impulsada pola Amtega en colaboración coa GAIN e 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica dos outros catro países socios

O PROXECTO EUROPEO STAMAR, LIDERADO POLA XUNTA, PON EN MARHA UN CENTRO DEMOSTRADOR DE TECNOLOXÍAS MARÍTIMAS DO ESPAZO ATLÁNTICO

  • Baseado na experiencia do Centro Demostrador TIC de Galicia, funcionará como centro de referencia de divulgación tecnolóxica para o sector marítimo
  • Facilitará a difusión do catálogo BAT (Best Available Tecnologies), outra das iniciativas do proxecto, que recolle una selección dos mellores produtos e servizos TIC para o sector desenvolvidos en Galicia, Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal
  • O obxectivo de STAMAR era fomentar a integración das TIC no sector e contribuír á internacionalización das solucións tecnolóxicas das empresas TIC galegas no resto das rexións do Espazo Atlántico

Santiago, 16 de setembro de 2015.- Santiago acolleu hoxe a xornada de peche do Proxecto Europeo STAMAR, na que se fixo balance das actuacións realizadas ao abeiro desta iniciativa para mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das pemes do sector marítimo. A xornada foi inaugurada pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, o secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, e o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), José Manuel Abella.

STAMAR é una iniciativa liderada por Galicia, a través da Amtega, coa participación como socio da GAIN, ademais de 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica a innovación e a economía marítima de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.

Centro Demostrador Transnacional e Catálogo de Tecnoloxías

Un dos compromisos desta iniciativa era a creación dun Centro Transnacional Demostrador de tecnoloxías, baseado na experiencia do Centro Demostrador TIC de Galicia, que é o punto de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica galega con sede en Santiago. Hoxe o Centro Transnacional é una realidade e conta con sede física en cada un dos países socios. Esta rede é chave para dar continuidade á divulgación das tecnoloxías TIC do eido marítimo e ao catálogo de tecnoloxías (BAT) elaborado ao abeiro de iniciativa.

O BAT é un documento exhaustivo no que se catalogan en total de 29 tecnoloxías, cunha media de entre tres e seis solucións por socio. En Galicia identificáronse un total de 23 tecnoloxías relevantes polo que se decidiu, ademais de incluír unha selección no BAT, elaborar un Catálogo específico de tecnoloxías galegas para difundir o potencial da Comunidade neste eido.

Ambos documentos servirán para dar a coñecer estes avances tecnolóxicos ao sector marítimo e tamén para fomentar o coñecemento a nivel comunitario destes produtos tecnolóxicos e dos centros e empresas TIC que os desenvolveron, contribuíndo a apertura de novas oportunidades de mercado.

Outras iniciativas de STAMAR

Ademais da elaboración do BAT, STAMAR desenvolveu en algo máis de ano e medio un amplo conxunto de iniciativas como o estudo de “Identificación das necesidades tecnolóxicas do sector marítimo” no que se compilaron as opinións de ata 428 empresas dos principais subsectores deste eido: construción naval, pesca extractiva, transporte, náutica e industria alimentaria.

As conclusións deste estudo poñen de manifesto a necesidade de impulsar iniciativas para integrar as TIC no sector, xa que o 80% das empresas do naval galego consideran importante o papel da tecnoloxía para o conxunto do sector, moi especialmente as adicadas ao transporte e á construción naval. Así mesmo, o estudo revela que 45% das empresas estarían interesadas en colaborar con outras empresas, entidades ou organismos para acadar melloras tecnolóxicas, con clara preferencia pola colaboración con outras empresas do seu propio sector, pero sen desestimar ningún tipo de colaboración.

Divulgación e asesoramento

Outras das liñas de actuación de STAMAR era a de divulgación e asesoramento que se concretaron na celebración dun total de 11 xornadas de demostración de tecnoloxía para as pemes nos catro países participantes. Ademais en Galicia celebráronse outras 4 actuacións de asesoramento especializado as empresas TIC para para orientalos na creación de solucións demandadas polo sector marítimo e 3 pilotaxes en pemes de solucións TIC existentes no mercado.

STAMAR

O proxecto STAMAR, contou cun orzamento total de 1.341.881,81 euros, financiado nun 65% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo Espazo Atlántico Cómpre destacar que esta iniciativa, impulsada desde a Administración autonómica galega, foi unha das oito propostas seleccionadas entre as máis de 100 iniciativas presentadas a este programa europeo.

Compartir:


Related Posts