O BAT (Best Available Tecnologies) recolle una selección dos mellores produtos e servizos TIC neste eido desenvolvidos en Galicia, Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal

O elevado número de solucións identificadas en Galicia, máis de 20, impulsou a creación dun Catálogo específico de tecnoloxías galegas

Ambos documentos buscan fomentar a integración das TIC no sector e contribuír á internacionalización das solucións tecnolóxicas das nosas empresas TIC no resto das rexións do Espazo Atlántico

STAMAR é unha iniciativa impulsada pola Xunta, a través da Amtega en colaboración coa GAIN e 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica dos outros catro países socios

Santiago acolleu hoxe a presentación do BAT (Best Available Tecnologies), un catálogo coa selección das tecnoloxías máis relevantes e dispoñibles para as empresas do sector marítimo do Espazo Atlántico europeo. A elaboración deste inventario tecnolóxico con 29 produtos e servizos TIC de cinco países é unha das medidas previstas no proxecto europeo STAMAR, que ten como obxectivo mellorar a competitividade e a capacidade de innovación das pemes do sector marítimo.

STAMAR é una iniciativa liderada por Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa participación como socio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ademais de 7 entidades de referencia no eido da transferencia tecnolóxica a innovación e a economía marítima de Francia, Reino Unido, Irlanda e Portugal.

A presentación do BAT é o eixo central da primeira das xornadas divulgativas de STAMAR para pemes, asociacións e entidades públicas e privadas do ámbito marítimo, que foi inaugurada hoxe no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia pola directora da Amtega, Mar Pereira, o director da GAIN, Manuel Varela, e a secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, Isabel Concheiro.

BAT e Catálogo de Solucións TIC específicas de Galicia

O BAT é un documento exhaustivo no que se catalogan en total de 29 tecnoloxías, cunha media de entre tres e seis solucións por socio. En Galicia identificáronse un total de 23 tecnoloxías relevantes polo que se decidiu, ademais de incluír unha selección no BAT, elaborar un Catálogo específico de tecnoloxías galegas para difundir o potencial da Comunidade neste eido.

Ambos documentos servirán para dar a coñecer estes avances tecnolóxicos ao sector marítimo e tamén para fomentar o coñecemento a nivel comunitario destes produtos tecnolóxicos e dos centros e empresas TIC que os desenvolveron, contribuíndo a apertura de novas oportunidades de mercado.

Outras iniciativas de STAMAR

Ademais da elaboración do BAT, STAMAR contempla outras iniciativas como o estudo de “Identificación das necesidades tecnolóxicas do sector” para coñecer o nivel de integración das TIC nas empresas deste ámbito e cales son as súas demandas no eido tecnolóxico.

Outro dos compromisos do proxecto é a creación dun Centro Transnacional Demostrador de tecnoloxías. A experiencia do Centro Demostrador TIC de Galicia, o punto de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica con sede en Santiago, está a ser replicada nas 5 rexións ás que pertencen socios en STAMAR e cada unha delas conta cun punto físico para dar continuidade á divulgación das tecnoloxías TIC vencelladas co eido marítimo.

Respecto ás actividades de divulgación en Galicia, xunto coa xornada de hoxe están previstas outras 3 dedicadas ao sector naval e as tecnoloxías relacionadas coa seguridade marítima e a xestión portuaria. En colaboración coa GAIN celebraranse, tamén, 2 de eventos de co-creación, que servirán de punto de encontro entre centros tecnolóxicos e pemes do marítimo para fomentar o xurdimento de proxectos conxuntos.

Pilotaxe de novas solucións

A Amtega en colaboración coa GAIN e a Consellería do Mar, están a traballar na pilotaxe de varias solucións tecnolóxicas en pemes do sector marítimo. Unhas experiencias que demostrarán na práctica a utilidade e viabilidade para as empresas marítimas dalgunhas das tecnoloxías seleccionadas.

STAMAR

O proxecto STAMAR, que comezou a primeiros de 2014 e rematará este verán, conta cun orzamento total de 1.341.881,81 euros, financiado nun 65% por fondos FEDER no marco do Programa Operativo Espazo Atlántico. Cómpre destacar que esta iniciativa, impulsada desde a Administración autonómica galega, foi unha das oito propostas seleccionadas entre as máis de 100 iniciativas presentadas a este programa europeo.

Fonte: Amtega

Compartir: